Competencia dixital e tratamento da información

Esta competencia traballa as habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información, transformándoa en coñecemento, e implica ser unha persoa autónoma, eficaz, responsábel, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e empregar a información e as súas fontes, as distintas ferramentas tecnolóxicas e os distintos soportes.

1. Dimensión social

Desenvolvemento de prácticas responsábeis e críticas no uso da tecnoloxía e no tratamento e difusión dos materiais dixitais e da información na rede.

Valoración crítica do papel que xogan as TIC no desenvolvemento da sociedade, economía e cultura.

2. Alfabetización tecnolóxica

Coñecemento da terminoloxía básica, as aplicacións principais, os procesos máis comúns e os usos creativos da web 2.0 ou social.

Interese por actualizar os coñecementos e as prácticas en relación coas TIC, con achegamento comprensivo a novos e máis elaborados xéneros discursivos (anotación ou post, podcast, etc.).

Desenvolvemento de estratexias e autonomía para identificar e resolver problemas no uso produtivo de programas e aplicacións web: blogues, editores de diapositivas, presentacións multimedia…

3. Traballo coa información

3.1. Procura de información, selección e recolleita

Acceso á información utilizando técnicas e estratexias específicas. Avaliación e selección de novas fontes de información segundo fiabilidade e utilidade para afrontar tarefas con éxito.

Busca, selección e rexistro da información a partir de guías.

Lectura e aplicación adecuada en distintas situacións próximas ao alumnado e en contextos sociais e laborais de linguaxes específicas básicas: textual, icónica, visual, gráfica e sonora.

3.2. Transformación da información en coñecemento

Comprensión e integración da información nos esquemas previos de coñecemento, con emprego de mapas conceptuais, gráficos, etc. en soporte dixital.

Tratamento da información: organización, síntese, relación, procesamento… Análise da información a partir de guías.

Revisión dos borradores das anotacións das bitácoras dixitais e doutras producións.

3.3. Comunicación da información

Uso das tecnoloxías da información e a comunicación como elemento esencial para aprender e para comunicarse.

Emprego dos diferentes recursos propios dos xéneros dixitais e expresivos na creación de hipertextos, material multimedia, etc.

Elaboración de producións adecuadas ás características e posibilidades das ferramentas web, responsábeis e creativas.

4. Intercambio comunicativo na rede

Uso responsábel e adecuado dos medios de intercambio: foro, chat, redes sociais…

● Traballo efectivo en contornos virtuais colaborativos.