Os verbos regulares

Botamos man deste documento de apoio para despois realizar as actividades en Edmodo (Verbo 2-5) ou no Caderno.

Posted in A. Interactivas, Para ver | Tagged | Leave a comment

O texto argumentativo

Aproximámonos ao texto argumentativo a través de distintas actividades: esta interactiva, unha análise para realizar en grupo na aula e mais as actividades correspondentes do libro de texto.

Velaquí o vídeo co que se xoga no primeiro deses materiais:

Posted in A. Interactivas, Actividades | Tagged | 2 Comments

Achegamento ao verbo

Para consultar e reflexionar:

No comezo foi o verbo… conxugado, Toda a lingua no teu peto e Verbos en galego.

Para autoavaliarse:

Posted in A. Interactivas, Para ver | Tagged | Leave a comment

Os misterios da aula de lingua


Velaquí os inicios da maioría dos misterios (mindtrap) vistos na aula -moi ben en todas as clases, por certo-, que deben tomarse como base para crear un relato.

Tomados e adaptados de diferentes sitios da rede:

1. Un home corre desesperadamente por un corredor, cuns papeis na man. De súpeto, ocorre algo nas luces do edificio e tira os folios ao chan. Con cara de frustración, deixa de correr. Por que será?

2. O carteiro Rafa atopou a Vicente morto no soto da casa deste, segundo dixo. Explicou que sospeitara que algo lle ocorrera, pois Vicente non recollera o correo o día anterior. Atopouno cunha gran mancha de sangue na cabeza, ao pé da cámara frigorífica. Parecía como se caese contra unha das súas esquinas. Rafa tiña unha mancha de sangue na manga, que seica fixera ao examinar o corpo antes de avisar a policía. Segundo esta, a temperatura do corpo indicaba que a morte ocorrera había doce horas cando menos; e nesas horas, podía comprobarse que Rafa estaba ben lonxe dese lugar. Que aconteceu en realidade?

3. Nunha pequena vila costeira, Josep e Jonathan, que acababan de chegar despois de sufrir un naufraxio, entran nun restaurante e piden sopa de albatros. Josep, que é cego, non ben a probou, entolece e quere suicidarse. A que se deberá?

Agunhas claves para escribir o relato de intriga poden ser:

  • Comezar a narración despois de que sucedesen os feitos que pretendemos ocultar.
  • Narrar sen enlear, simplemente deixando ver que hai algo que non sabemos, inexplicábel, perturbador…
  • Elixir ben o escenario: un sitio solitario, unha casa na que sucenden cousas estrañas…
  • Describir detalles (dos lugares e das persoas) misteriosos.
  • Preferir o narrador protagonista ou testemuña.
  • Coidar o final, no que se revela, total ou parcialmente, o misterio.

Posterior reflexión sobre a lingua (morfoloxía verbal):

1. Identifica todos os modos e tempos distintos que empregaches.

2. Localiza os presentes de indicativo e mais os pretéritos perfectos e cámbiaos todos por imperfectos de indicativo. Que diferenzas se producen en canto ao tempo e aspecto?

3. Intenta cambiar algún presente de indicativo para subxuntivo. Obrigouche a facer outros cambios? Que diferenza se produciu en relación co modo?

4. Introduce algunha nova oración empregando, en tempo presente, un destes verbos: SUBIR, DURMIR, FUXIR, SEGUIR, SERVIR, FERIR. Que característica teñen no presente de indicativo?

Posted in Actividades | Tagged | Leave a comment

Unha máquina de poeta

Seguro que hai voluntarios/as para ser “autores/as”, non duns poucos poemas, senón de millares. Activarán a máquina dos versos se son quen de enviar a información precisa. A guía, neste documento.

Posted in Actividades | Tagged | Leave a comment

Lectura da U-9

Realiza as actividades marcadas, no caderno ou na rede.

Posted in A. Interactivas | Tagged | Leave a comment

Creación poética

Unha proposta de creación tras esta escolma audiovisual:

1. Vídeo gravado con teléfonos móbiles polo alumnado e profesorado do IES Fontem Albei. Nel recítanse anacos de poemas de Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do seu nacemento.

2. Manuel María recita “Rosas”.

3. Manuel Rivas recita o poema “A negra terra”, do seu libro Mohicania.

4. O músico Roi Casal interpreta esta versión do poema de Rosalía de Castro “Meniña, ti a máis fermosa”.

5. Un poema de Emma Couceiro é a letra desta peza de Fanny e Alexander:

PROPOSTA
Fixaríaste en que a repetición de palabras e estruturas é un dos recursos principais para crear ritmo nos poemas. Observa o de Manuel Rivas:

A NEGRA TERRA

DE falar, falarei coa terra.
A terra verdadeira,
a negra terra
onde prende a raíz.
A terra que se pisa.
A terra que se queima e que se crava.
Ese enorme lenzo onde o home debuxa o seu capricho.
Onde o home se perde e se revolve en sombras.
A negra terra,
ese corpo de puta vella con dentes amarelos de tabaco,
con olleiras negras de tan azuis.
De falar, só con ela falarei
e falarei coas mans,
docemente coas unllas,
coa paixón dun amante,
como falan, cando albiscan a morte, os xabaríns feridos.
De falar, falarei coa terra.
Coa terra, con esa negra terra
que cospe, como sangue do peito, primaveras.

Nesta poesía, ademais de estruturas (que se pisa… que se queima e que se crava; onde o home debuxa… onde o home se perde; con dentes amarelos… con olleiras negras; coas mans… coas unllas), repítense continuamente tres palabras, un verbo (falar), un substantivo (terra) e un adxectivo (negra), fundamentais no seu contido.
A proposta de creación partirá desta característica. Ten dúas partes, que están a seguir.

A primeira consiste en compoñer un pequeno texto con intención poética seguindo estes pasos:

  • Escolle unha acción que che atraia, un obxecto ou realidade en relación con ela e mais unha calidade importante dese obxecto. Une as tres palabras inserindo unha preposición entre o verbo e o substantivo. Velaquí algúns exemplos: saltar polos valados espiñentos; pintar coas cores perdidas; fuxir entre os areais brillantes…
  • Achega agora máis notas descritivas (unha cinco ou seis, como mínimo) sobre ese obxecto ou realidade. Poden ser novos adxectivos ou oracións. Así, se se tratase de valados, poderiamos engadir: valados agresivos, valados de cemento, valados de medo, valados de odio, valados que se cruzan, valados que nos cortan
  • Achega tamén diferentes formas de realizar a acción, como se pode facer. Seguindo co mesmo exemplo, valería: saltar ás toas, saltar por todos, saltar coas pernas disparadas, saltar como saltóns
  • Recolle todo nun texto en verso que conteña, con variacións, as anteriores repeticións. Podería comezar así: Se non hai máis que valados / saltarei ás toas. / Saltarei polos valados espiñentos / polos valados de medo e odio / agresivos valados. / Coas pernas disparadas saltarei…

O poema publicarase obrigatoriamente no blogue persoal acompañado dunha sucesión de imaxes que o ilustren axeitadamente.

A segunda parte é un exercicio de cohesión textual. Unha vez que teñas o poema, explica o seu contido verso a verso sen repetir nin unha soa vez as súas palabras clave. Lembra que para iso deberás substituílas por sinónimos, expresións equivalentes, pronomes…

Posted in Actividades, Para ver | Tagged | Leave a comment