Tarefas

 

Tarefas da primeira avaliación

Realizamos estas tarefas en Edmodo:

1. Procura e presentación dun texto narrativo dun dos xéneros cos que estivemos traballando: conto, noticia ou cómic

Trátase de que escollades un exemplo, en galego evidentemente, dun deses xéneros (calquera, vós decidides) atopado na rede. Unha vez escollido, hai que presentar ese texto.

1. Localización e escolla. Tes que seleccionar UN conto (non unha obra), UNHA noticia ou UNHA historia en cómic (non un álbum enteiro). Recoméndase consultar para o conto a Biblioteca Virtual Galega, para as noticias De luns a venres e para o cómic Banda Deseñada.
Se prefires o formato vídeo, proba a buscar en Google Vídeo: relato galega. Ou remexe nos informativos da TVG. Podes acceder a todo iso desde as ligazóns que se xuntan.

2. Presentación. Preme en ENTREGAR e escribe un título e un resumo do texto. O título será do tipo: ‘Sobre da morte do Bieito, de Rafael Dieste’; ou: ‘Os coches eléctricos consumirán en 2020 o 1% da demanda eléctrica’. A continuación, resume nunhas poucas liñas o contido do texto (non o reproduzas!). Antes de enviar, liga a fonte (tamén se é vídeo) premendo en Link.

 

2. Coñecemos máis linguas

Imos achegarnos ás linguas da península menos próximas a nós.
Presenta brevemente esas linguas diferenciando dous grandes grupos: as que teñen un uso importante na súa sociedade e as que están nunha situación pouco favorábel ou sofren un esmorecemento. Para iso, consulta o documento de traballo, ligado abaixo (se non abre, vai a http://www.edmodo.com/post/38030406 ). Podes comezar así:
“As linguas minorizadas da península son, ademais do galego: o asturiano, o éuscaro, o aragonés, o aranés (variante do occitano) e mais o catalán. A súa situación social é moi diferente. Por un lado, están as que…..”
Acompaña o comentario dalgunha noticia escrita ou dalgún vídeo nalgunha desas linguas, que podes tomar das outras páxinas ligadas: Les Noticies (asturiano), EITB (éuscaro), Arredol (aragonés), Conselh Generau D’Aran (aranés), Països Catalans (catalán).
Se o que fas resulta interesante, podemos publicalo na revista do centro.

 

3. Conversión dunha noticia en relato

Crea un relato baseado nunha noticia (actividade PRACTICAMOS de Semblanzas). Sigue os pasos que se recollen no documento en pdf que se achega.
Podes escribir aquí tras premer en ENTREGAR ou enviarllo ao profe (escolle Xano na caixa de envío). Tamén podes escribilo nun documento do portátil para logo subilo aquí cando remates. Ou traballalo colaborativamente en titanpad.com (terás que gardar e compartir a URL).

 

4. Correo electrónico

Unha actividade tipo foro para traballar o xénero textual ‘Correo electrónico’ (substitúe as actividades da páxina 44 do libro). Fai o seguinte (nesta orde):

1. Observa as partes que ten un correo electrónico formal na primeira imaxe.
2. Observa, nas seguintes imaxes, como se poden enviar emails máis informais pero coa mesma estrutura. Son correos reais de alumnado deste centro!
3. Nunha resposta a esta mensaxe, redacta un correo electrónico para lles enviar aos responsables da editorial Anaya no que vós, alumnado de 1º ESO, lles solicitedes que abran o sitio no que deben estar as actividades online do libro de texto de Lingua galega, pois aínda está pechado: http://www.edistribucion.es/anayaeducacion/84…
4. Comenta nalgunha proposta dos/as compañeiros/as: gústache? É demasiado informal? Demasiado formal? Explícase ben?

!! Escolleremos un deses correos para envialo realmente e intentar que axilicen a apertura dese espazo dixital.

5. O noso dicionario ilustrado

QUE
Vas definir e ilustrar tres substantivos de diferente tipo

COMO
1. Escolle -no listado de abaixo- unha palabra común-concreta-contable-individual, outra común-concreta-contable-colectiva e outra común-abstracta.
2. Busca a definición de cada substantivo nun dos dicionarios que se achegan e mais unha imaxe que ilustre cada unha das palabras. No caso da abstracta, a imaxe será unha situación relacionada co significado (por exemplo, para ‘felicidade’ podería poñerse unha foto con alguén rindo).
3. Redacta recollendo o substantivo e a acepción principal que che dará o dicionario. Liga a imaxe que cres que pode ilustrar ben ese significado. Fai iso para cada unha das palabras escollidas.

ONDE
Para que sexa público, non contestes directamente a tarefa. Faino con mensaxes (unha para cada palabra) dirixidas ao grupo Intercambios. Ou, se o prefires, resolve nunha anotación de blogue en Enredeiras: http://enredeiras.com/rede

CON QUE
a) Dicionarios: os que aparecen ligados abaixo. Escribe ben a palabra, tiles incluídos!
b) Imaxes: Google imaxes libres (tamén ligado abaixo)

LISTADO de substantivos das lecturas para escoller un de cada grupo.
Comúns-concretos-contables-individuais: nimbo, ciclope, raiola, lomba, ceifa, guindastre
Comúns-concretos-contables-colectivos: enxame, arquipélago, rabaño, tropa, cardume, piara
Comúns-abstractos: loucura, alusión, inxuria, perplexidade, desacougo, propagación

One Response to Tarefas

  1. eumesmo says:

    Vai privado e con arquivo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará