Os misterios da aula de lingua


Velaquí os inicios da maioría dos misterios (mindtrap) vistos na aula -moi ben en todas as clases, por certo-, que deben tomarse como base para crear un relato.

Tomados e adaptados de diferentes sitios da rede:

1. Un home corre desesperadamente por un corredor, cuns papeis na man. De súpeto, ocorre algo nas luces do edificio e tira os folios ao chan. Con cara de frustración, deixa de correr. Por que será?

2. O carteiro Rafa atopou a Vicente morto no soto da casa deste, segundo dixo. Explicou que sospeitara que algo lle ocorrera, pois Vicente non recollera o correo o día anterior. Atopouno cunha gran mancha de sangue na cabeza, ao pé da cámara frigorífica. Parecía como se caese contra unha das súas esquinas. Rafa tiña unha mancha de sangue na manga, que seica fixera ao examinar o corpo antes de avisar a policía. Segundo esta, a temperatura do corpo indicaba que a morte ocorrera había doce horas cando menos; e nesas horas, podía comprobarse que Rafa estaba ben lonxe dese lugar. Que aconteceu en realidade?

3. Nunha pequena vila costeira, Josep e Jonathan, que acababan de chegar despois de sufrir un naufraxio, entran nun restaurante e piden sopa de albatros. Josep, que é cego, non ben a probou, entolece e quere suicidarse. A que se deberá?

Agunhas claves para escribir o relato de intriga poden ser:

  • Comezar a narración despois de que sucedesen os feitos que pretendemos ocultar.
  • Narrar sen enlear, simplemente deixando ver que hai algo que non sabemos, inexplicábel, perturbador…
  • Elixir ben o escenario: un sitio solitario, unha casa na que sucenden cousas estrañas…
  • Describir detalles (dos lugares e das persoas) misteriosos.
  • Preferir o narrador protagonista ou testemuña.
  • Coidar o final, no que se revela, total ou parcialmente, o misterio.

Posterior reflexión sobre a lingua (morfoloxía verbal):

1. Identifica todos os modos e tempos distintos que empregaches.

2. Localiza os presentes de indicativo e mais os pretéritos perfectos e cámbiaos todos por imperfectos de indicativo. Que diferenzas se producen en canto ao tempo e aspecto?

3. Intenta cambiar algún presente de indicativo para subxuntivo. Obrigouche a facer outros cambios? Que diferenza se produciu en relación co modo?

4. Introduce algunha nova oración empregando, en tempo presente, un destes verbos: SUBIR, DURMIR, FUXIR, SEGUIR, SERVIR, FERIR. Que característica teñen no presente de indicativo?

This entry was posted in Actividades and tagged . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará