Axenda aberta

Este blogue permítenos, non só organizar mellor o labor, senón tamén presentárllelo ás familias. Contamos, para iso, cunha axenda, accesíbel desde o menú e no lateral esquerdo, na que se irán recollendo as actividades e traballos, as datas dos exames, etc. Incluiranse, así mesmo, algunhas notas sobre o desenvolvemento das clases en cada primeiro.

Comezamos este trimestre atendendo máis o libro de texto. Na unidade 3: o plurilingüismo (ex. 1), léxico da ribeira (ex. 3, 6, 7), o xénero do substantivo (ex. 2, 3, 4, 6), acentuación (ex. 1, 2, 5 -o 3 voluntario-), descrición de persoas (ex. 1, 5). Todo iso, evidentemente, ten que estar feito e corrixido no caderno, así como as actividades presentadas aquí tituladas Taboleiro lóxico de xénero, Quen é? e Revisamos a descrición de persoas. Recoméndase repasar boa parte destes contidos coas interactivas recompiladas nunha anotación anterior.

Alén diso, realizouse unha actividade de comprensión e expresión a partir dunha curtametraxe, con bos resultados en todas as aulas, sen excepción. As respostas recolléronse nun folio que levou o profesor e que será de novo empregado na seguinte actividade que se faga con audio ou vídeo. Cando a folla estea chea, será o/a alumno/a quen a leve para incluír no seu caderno.

Esperamos rematar a unidade 4 nuns días para realizar unha proba a finais deste mes ou a comezos de febreiro. Nesa altura, comezaremos a secuencia de traballo deste trimestre pertencente á Escola d@s av@s, que se desenvolverá de maneira continuada e en coordinación con Ciencias Sociais e Lingua Castelá durante unhas tres semanas. Traballaranse, co uso dos ultraportátiles, contidos como a noticia, a reportaxe, o cómic, os niveis e rexistros da lingua, a cohesión textual, etc.

Por último, aquel alumnado que está lendo agora -ou que xa rematou- o libro desta avaliación (véxase a páxina de lecturas) poderá recoller en breve na Conserxería unhas indicacións para elaborar un traballo a partir da lectura que o liberará da proba do libro do final do trimestre.

This entry was posted in Avisos and tagged , . Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará