Anotación do blogue

materialrec

Retomo a publicación neste blogue, despois de dous anos de carga / cargo directivo, cun tema recorrente e central na nosa práctica nas aulas.

Non é preciso aplicar o traballo por proxectos ou secuencias de produción (aposta primordial) para compartir a sensación de que, en xeral, nos libros de texto non se atende plenamente o currículo, mantéñense propostas tradicionais de organización -atomistas- e de abordaxe dos contidos -práctica sobre exposición-, a oralidade segue tendo un papel secundario, etc. E, sen entrar nas causas nin nos intereses, a responsabilidade é, como xa teño dito, dos proxectos editoriais, non dos autores/as dos libros.

A alternativa actual, aberta e en permanente construción, son os materiais publicados na rede con licenza para compartir. Pero cumpría ampliar, concretar e organizar, cando menos, tal diversidade.

En calquera dos dous casos, e seguindo a proposta de criterios publicada hai uns anos, penso que se deberían cumprir estes mínimos:

  • Organización das unidades a partir de xéneros textuais, integrando no posíbel e con coherencia os bloques do currículo.
  • Distribución dos contidos de gramática (tamén textual) de acordo cos trazos e as destrezas que esixe cada xénero e tipo de texto.
  • Reflexión sobre a lingua partindo dos propios textos, de tipo indutivo e con aplicación na revisión das propias producións.
  • Traballo do proceso de construción textual de cada xénero: planificación, composición e revisión.
  • Presenza de exemplos modelo (que permitan advertir os trazos definitorios do xénero) reais (de uso social e co formato auténtico).
  • Combinación de textos orais e escritos, de diferentes ámbitos, tanto no que se refire ás fontes e exemplos como para as producións guiadas.
  • Inclusión de dinámicas orais nos contextos de expresión propios do xénero da unidade.
  • Atención ao traballo coa información extraída de diversas fontes, ás estratexias de comprensión e ao desenvolvemento do sentido crítico.
  • Achega das ferramentas de andamiaxe necesarias para guiar o alumnado: listaxes, cadros ou organizadores de apoio e control, etc.
  • Ausencia de enunciados de actividades que esixan coñecementos e habilidades que non se desenvolveron.

Diante destas necesidades, achegamos a proposta de (re)construción de materiais na rede para chegar a cubrir a totalidade de cada curso da ESO. Pode servir, para iso, un espazo creado con Q2A e o tema CleanStrap, ao estilo deste, que permita compartir -pero tamén crear- actividades organizadas dentro dos xéneros textuais de cada nivel, etiquetadas segundo bloques de contidos e destrezas.

Comentarios
  • A profa Agosto 1, 2016 at 12:43 a.m.

    Quixen compartir a entrada no Fb e dime que non atopa a páxina :(

  • Achega un comentario

    Threaded commenting powered by interconnect/it code.