Pronome persoal átono (1º ESO)

Portfolio page

_________________

  • Data

     Febreiro 25, 2019

  • Contidos

     Funcionamento da lingua

  • Tarefa

     Reflexión

  • Categoría

     1º ESO

Colocación do pronome átono

1. Non se pon nunca ao comezo dunha oración. E, como norma xeral, vai despois do verbo. Enténdote ben!

2. Existen algúns casos nos que o pronome ten que ir antes:

– Nas oracións negativas: Non te entendo.

– Nas oracións desiderativas: Oxalá te entendese!

– Despois de boa parte dos adverbios e indefinidos (aínda, xa, axiña, sempre, ninguén…): Xa te entendo.

– Nas oracións que comezan por que, quen, cando, canto, como, onde, porque e por que: Por que te vou entender?


Actividades interactivas

Substitución por contracción de pronomes (1 e 2)

Colocación de TE ou CHE (1, 2, 3 e 4)

Distinción tónicos / átonos


+1. Localiza os pronomes átonos nas oracións en cor desta pequena biografía e xustifica a súa colocación. Podes explicalo aquí.

Ernestina Otelo Sestelo

Ernestina Otelo Sestelo dedicou a súa vida a formarse como profesora e a compartir co seu alumnado a súa paixón polo ensino. Firme defensora dun modelo educativo renovador e dos dereitos da muller, a súa vida divídese entre os moitos logros profesionais alcanzados durante a II República e as persecucións e represalias contra ela e a súa familia no franquismo por causa das súas ideas.

Ernestina Otero naceu en Redondela en 1890, no seo dunha familia da que é a maior de sete irmáns. En Redondela realiza os seus estudos primarios para despois, de 1904 a 1908, trasladarse a Pontevedra, onde cursa Maxisterio na Escola Normal e obtén o grao de “Mestra superior” coa cualificación de Sobresaliente.

De carácter non conformista, ao ano seguinte trasládase a Madrid e ingresa na Escuela de Estudios Superiores del Magisterio, dedicada á formación especializada do profesorado das Escolas Normais e Corpo de Inspectores de primeiro ensino. Desta institución pioneira, Ernestina recibe unha formación marcada pola innovación metodolóxica e polo seu sistema organizativo, cun programa de materias altamente especializado. Nesta etapa establece relacións coa xente da Institución Libre de Enseñanza e integra no seu modelo educativo as ideas progresistas que promoven en materia pedagóxica.

En 1913 remata os seus estudos na sección de Ciencias e, a nivel persoal, axiña contrae matrimonio co boticario Luís Pereira Míguez. Pouco despois, en febreiro de 1915, accede por concurso de méritos á praza de Profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Pontevedra, cidade na que participa activamente da súa vida cultural e social.

Coa proclamación da II República ábrense novas oportunidades para a renovación do sistema educativo e do profesorado. As autoridades educativas confían na valía de Ernestina Otero e involúcrana en numerosas iniciativas e mesmo chega a ocupar durante un tempo a dirección da Escola de Maxisterio (Escola Normal). Nesta altura tamén asume a Presidencia do Consejo Provincial de Primera Enseñanza, do que forma parte durante case catro anos.

A través destas responsabilidades, Ernestina transmítelles aos e ás docentes a formación humanista que recibe da Escola de Libre Ensinanza. Para alén diso, Ernestina foi tamén moi consciente da realidade de Galiza e fomentou o estudo e a investigación da súa historia, xeografía e cultura. En febreiro de 1933 asina o manifesto en favor do Estatuto de Autonomía de Galiza sendo ela, xunto con María Cruz Pérez, as dúas únicas mulleres.

Este período de recoñecemento da súa valía profesional acaba co levantamento militar de 1936, cando comezan as denuncias e persecucións, contra ela e contra a súa contorna familiar e de amizades. No mes de novembro suspéndena de emprego e soldo e aparece na primeira lista de depuración do distrito universitario de Santiago, xunto a Castelao e Tafall, entre outros. En xuño do ano seguinte falece o seu home, vítima das humillacións e agresións físicas, e dez días máis tarde publícase no BOE a orde pola que é separada da súa cátedra. Volve para Redondela, onde vive de dar pasantías. As represalias non cesan e parte do diñeiro que gaña ten que destinalo a pagar as multas que lle chegan. Con todo, Ernestina era unha muller de fortes conviccións que se transmitiron ao longo da súa vida en forma de solidariedade e axuda aos presos políticos e ás súas familias.

Unha vez finalizada a guerra e após a revisión do seu expediente, é reposta no seu cargo pero trasládana á Normal de Ourense e inhabilítana para cargos directivos. Non será ata 1951, grazas a un concurso de traslados, que volve a Pontevedra. O 13 de febreiro de 1956 falece repentinamente en Redondela.


+2. No seguinte vídeo, a protagonista transmite mensaxes e actitudes moi positivas a respecto das linguas e do galego en particular. A valoración do seu compromiso e esforzo é o máis importante, pero tamén podemos percibir os trazos dun galego con bastantes interferencias do castelán, por exemplo no uso dos pronomes átonos. Explica que razón teñen os grupos de exemplos que se recollen abaixo.


a)
Porque esa materia dábame
Deime conta de que moitas palabras asemellábanse

b)
Tantos galegos emigraron a Buenos Aires que *chegámola a considerar…
Non me fagas esa comparación porque *vasme liar máis (…) porque *parécese máis…
Cando *explícanme algo de gramática coreana…
A quinta cousa para que *serviume ter clases de galego…
En Instagram, onde *cóntoche o meu día a día…

c)
E *os podo manexar perfectamente

d)
Levar ese respecto inculcado (…) *vaite facilitar moitísimo a vida…


Solucións