Os discursos de "odio en pílula" nas redes (2º ESO)

Portfolio page

_________________

  • Data

     Xaneiro 28, 2019

  • Contidos

     Comprensión e expresión

  • Tarefa

     Reflexión

  • Categoría

     2º ESO

Esta mensaxe en Twitter realizouse despois dun polémico partido entre o Deportivo B e o CD El Palo (Málaga) para o ascenso á 2ª División B, con accións antideportivas por parte da afección malagueña. Pero, máis alá da crítica ao que sucedeu, o chío emprega o termo “xitanada” de xeito pexorativo, discriminatorio. Poderíaselle contestar que o pobo xitano non ten responsabilidade ningunha neses feitos e que xente impresentable haina en todos os lados e de todas as etnias.

A rede converteuse nun espazo de expresión aberta da xenofobia, o sexismo, a homofobia e, en xeral, do desprezo ás diferenzas. Estudos limitados ao inglés atoparon unha media diaria de 10.000 insultos racistas nesta rede social. Así mesmo, os foros e comentarios nos medios de difusión dixitais recollen, disfrazadas de opinión, discursos de odio. Segundo a análise do Observatorio Proxi en medios españois de ampla difusión, o 60,01% dos comentarios (dun total de 4.451 analizados) son intolerantes. Sete de cada dez comentarios fomentan o discurso do odio.

Outro estudo, publicado por investigadores da Universidad de Canterbury conclúe que a exposición a mensaxes intolerantes na rede incrementa a probabilidade de que se insiran comentarios do mesmo tipo. A maiores, este discurso pode levar a violacións máis graves dos Direitos Humanos, incluíndo a violencia física. Se non se controla, incrementa a tensión social e as formas de abuso. Porque Internet non é unha illa, a actividade online é unha faceta máis da sociedade actual, na que cómpre aplicar as mesmas regras xerais das relacións humanas.

En parellas, escollede un dos exemplos (reais) que se recollen abaixo e contestade as seguintes cuestións.

  • – Que puido suceder? Quen son as vítimas do discurso de odio neste exemplo?
  • – Cales credes que son as consecuencias que expresións dese tipo teñen nas vítimas?
  • – Que consecuencias terán na sociedade en xeral?
  • – Respondédelle de xeito breve á persoa autora desa mensaxe (!! A opción de responder nas redes directamente a quen discrimina só se debe tomar se se considera apropiado e seguro; en todo caso, debería facerse fomentando o coñecemento da realidade e a reflexión, non descualificando).

CHÍOS REAIS
1. “As gordas son como as medicinas, só as chingas se estás enfermo. #GordasNonPodenSerFelices”
2. “Non hai peor castigo que ser homosexual, excepto ser negro homosexual. #GaisNonMerecenIgualdade”
3. “Gordo e nazi. Fáltalle ser galego”
4. “Estes sudacas aprópianse da praza, das canchas…, póñense a mexar en calquera sitio. Deportacións masivas, iso é o que fai falta”
5. “Son só criaturas…, que moitos idiotas progres din que foxen da morte e a guerra. Pero, onde están as mulleres e fillos? Non deberían estar con eles para saír fuxindo igual da morte?”
6. “Os galegos din que teñen lingua propia, pero é mestura de castelán e portugués e ese acento de subnormal que teñen”
7. “As mulleres sempre controlándoo todo pero índose co máis malote. Merecen o que lles pasa”


Ou acudimos á ironía: