Mellora da puntuación (1º ESO)

Portfolio page

_________________

  • Data

     Febreiro 12, 2019

  • Contidos

     Propiedades textuais

  • Tarefa

     Reflexión

  • Categoría

     1º ESO

Erros frecuentes que cómpre evitar.

1. Coma entre suxeito e predicado. Aínda que un suxeito algo longo esixa unha pausiña ao falar, esta non se representa na escrita. Unicamente pode haber coma entre suxeito e predicado se aquel contén unha aclaración ou unha enumeración.

A mocidade dos concellos do rural ten menos oportunidades que a xuventude urbana.

A mocidade do rural, coma a deste concello, ten menos oportunidades…

A mocidade, as asociacións culturais, as forzas políticas, etc. están todas de acordo en…

2. Coma antes da conxunción copulativa. Sexa ou non unha enumeración, antes dun e non poremos nunca coma (a non ser que equivalla a un pero).

Fomos á exposición de Castelao, ao CGAC, a Belvís e ao Auditorio de Galicia.

Aconselloume que chamase antes para reservar, e non lle fixen caso.

3. Vocativos sen comas. Lévana sempre.

Xabi, come ben (Que non é o mesmo que Xabi come ben); ou ben: A ver, Xabi, come ben; ou: Come ben, Xabi.

4. Locucións e conxuncións sen comas. Boa parte dos marcadores textuais que indican reformulación, consecuencia, oposición, etc. van precedidos de coma (e algúns entre comas).

Teño que ter hoxe o traballo que che encarguei, así que non te demores máis.

Podo levarche o resultado despois de comer, ou sexa, sobre as catro da tarde.

5. Coma nas comparativas. Non deben levar (coma sempre, agás que haxa incisos).

Tanto a irmá maior coma o irmán pequeno viñeron á reunión onte.

Tanto a irmá, que vive na Coruña, coma o irmán pequeno viñeron á reunión onte.

6. Excesiva acumulación de comas. Se ampliamos as enumeracións con incisos, complicaremos moito a lectura e acabaremos perdéndonos.

Entre as posibilidades que nos ofrece a axencia están Lisboa, que dispón de tranvía turístico, Barcelona, a onde temos voo directo a baixo prezo, París, que é a opción preferida pola maioría, aínda que sexa cun custo bastante maior, e tamén outras cidades europeas, que nos sairían a un prezo máis elevado aínda, como Berna, Ámsterdam ou Praga. -> 

Entre as posibilidades que nos ofrece a axencia están Lisboa, que dispón de tranvía turístico; Barcelona, a onde temos voo directo a baixo prezo; París, que é a opción preferida pola maioría, aínda que sexa cun custo bastante maior; e, por último, outras cidades europeas, que nos sairían a un prezo máis elevado aínda, como Berna, Ámsterdam ou Praga.

Entre as posibilidades que nos ofrece a axencia temos distintas capitais europeas. En primeiro lugar, podemos optar por Lisboa, que dispón de tranvía turístico. Unha alternativa é Barcelona, a onde temos voo directo a baixo prezo. Alén destas, podemos considerar París, que é ademais a opción preferida pola maioría, aínda que sexa cun custo bastante maior. Por último, é posíbel barallar outras cidades europeas, que nos sairían a un prezo máis elevado aínda, como Berna, Ámsterdam ou Praga.


Para saber máis

LLG 1º 2º ESO (con exercicios)

Ortotipografía


Actividades

Libro de texto, p. 111: 1 (xustificando a causa) e 5.