Ao redor das biografías (1º ESO)

Portfolio page

_________________

  • Data

     Febreiro 18, 2019

  • Contidos

     Tipos e xéneros

  • Tarefa

     Comprensión textual

  • Categoría

     1º ESO

1. [ORAL] Que cambiaría se fose unha biografía sen forma autobiográfica?


2. Que diferencia os seguintes textos? A que xénero textual pertence cada un deles? As opcións son: biografía (documental ou literaria), cronoloxía de vida e nota ou apuntamento biográfico. Fíxate en:

•- Espazo no que se publicou (ou puido publicar): informativo / necrolóxica / libro / libro de texto/ enciclopedia…
•- Datos biográficos presentes: escolla de feitos principais / amplitude no tratamento da vida / presenza de trazos da personalidade.
•- Organización do feitos: en sucesión narrativa / en viñetas por anos.
•- Elementos que sinalan o avance temporal e a relación causal: ausentes / presentes (Anos máis tarde, Posteriormente… Así, Por iso…)
•- Enfoque e estilo: sintagmas ou oracións curtas / parágrafos cohesionados / estilo literario…


TEXTO 1


TEXTO 2

NELSON MANDELA

1918 Nacemento en Mvezo. Fillo do xefe da tribo xhosa.
1934-42 Estudos de Dereito (Universidade de Fort Hare e Witwatersrand). Participación na oposición ao goberno da minoría branca.
1944 Fundación da Liga xuvenil do Congreso Nacional Africano.
1952 Apertura en Xohannesburgo do 1º bufete de avogados negros. Arrestos. Líder de campañas de desobediencia ao apartheid.
1956-61 Proceso por traizón, con 150 activistas.
1961 Fundación e liderado da organización Umkhonto we Sizwe. Campañas de sabotaxe.


TEXTO 3

NELSON MANDELA

Nelson Mandela foi unha figura controvertida: mentres que os críticos da dereita política o denunciaron por terrorista, a esquerda considerouno demasiado aberto a negociar unha reconciliación cos simpatizantes do apartheid. Porén, acadou a aclamación internacional polo seu activismo e está considerado unha icona da democracia e da xustiza social.

Naceu en Mvezo no ano 1918. Fillo do xefe da tribo xhosa, estudou Dereito nas Universidades de Fort Hare e Witwatersrand entre os anos 1934 e 1942. Nesa altura, participou xa na oposición ao goberno racista da minoría branca. Pouco despois, en 1944, fundou a Liga xuvenil do movemento Congreso Nacional Africano.

Oito anos máis tarde abriu en Xohannesburgo o primeiro bufete de avogados negros e foi varias veces arrestado no exercicio da súa profesión. Tamén actuou como líder de diferentes campañas de desobediencia contra o apartheid. Por iso, Mandela vai ser procesado por traizón, xunto con outros 150 activistas, desde 1956 a 1961. Aínda así, fundou no propio 61 a organización Umkhonto we Sizwe (A lanza da nación), entidade que lideraría e coa que executou diferentes campañas de sabotaxe.

(Ver máis)


TEXTO 4

MARÍA CASARES

Non é unha rapaciña máis. María Victoria Casares Pérez é a filla dun ministro e a continuadora dunha familia burguesa da Coruña. Iso si, nace sen querer. “Por descoido ou por torpeza”, conta. Epilepsia e tuberculose son marcas da familia que xa teñen levado a máis de un parente ao cemiterio. Por esta razón, Santiago e Gloria, os pais, non tiñan entre os seus plans ter descendencia, “Pero como non era un gato, non me ían tirar ao mar”.

Así que o 21 de novembro de 1922, grazas á fortaleza física da súa nai, María nace sen problemas de saúde. Os nove meses de embarazo son seguidos de preto polo médico da familia. (…) Só hai un problema, ten demasiados gases e os seus pais non poden durmir pola noite cos ruídos da cativa.

(Tomado de aquí)


3. Cos datos seguintes e axudándote do libro de texto (p. 13), compón un esquema ou mapa de ideas sobre a biografía que inclúa:

DEFINICIÓN   TIPO DE TEXTO    CONTIDO   ESTRUTURA   ELEMENTOS

Elección dos acontecementos máis relevantes dunha vida. Relación co momento histórico vivido.
Información baseada en feitos reais.
Sucesión de acontecementos sobre a infancia, xuventude…
Orde lineal cronolóxica (temporal). 
Texto (expositivo)narrativo, con presenza frecuente de descrición.
Valor relevante dos conectores temporais, de orde e de causa – consecuencia.
Uso da terceira persoa e dos tempos do pasado (ou presente con valor de pasado).


4. Le a seguinte biografía e contesta a cuestións seguintes.

Sés

María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, naceu na Coruña en 1982. É unha cantautora galega de orixe bergantiñá. Formada na música e no baile tradicionais, é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e en Antropoloxía Social.

Se algo se destaca de Sés é o seu carisma e forza persoal, que amosa en centos de concertos e actuacións. A súa intensa personalidade foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido. Os temas desta cantautora vístense de blues, rock e sons do continente hispanoamericano e pretenden concentrar de xeito paixonal a potencia do directo.

En 2007 crea, xunto a tres amigos, a banda ‘Chámalle Xis!’, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso ‘A Coruña Son’, apadriñado por Santiago Auserón. Logo de colaborar con grupos coma Zënzar ou con Xabier Díaz, publica no 2011 Admirando a condición, o primeiro disco de Sés, un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.

Dous anos despois editou o seu segundo traballo, Co xenio destrozado, presentado no Teatro Principal compostelán. O seu terceiro disco, Tronzar os Valos, saíu á venda en 2015 e consagrouna como a cantante do orgullo identitario, da frescura e a vitalidade. Afianzouse definitivamente como a autora galega con máis pegada do momento.

En novembro de 2016 lanza o sinxelo A Paz Esquiva, preludio do seu cuarto álbum, Opoñerse á extinción, que sae en decembro dese ano. Uns meses despois presenta o sinxelo Readmirando a condición, base do seu quinto álbum de estudio, que recolle, con novo arranxo, as once cancións do seu primeiro disco. Por último, en marzo de 2019 porase á venda Rabia ao silencio, un traballo máis acústico e íntimo que os anteriores.

Tal como ten dito Pepe Cunha, Sés destaca por un notable eclecticismo musical: rythm & blues, swing, soul, ritmos populares latinoamericanos ou mesmo country. Trátase dunha artista relativamente nova pero xa referencial.

PREGUNTAS

a) Onde apreciamos notas sobre a personalidade da protagonista?
Cantos discos publicou Sés ata o momento?
Que teñen en común as expresións Logo, En 2007, Dous anos despois, Por último?

b) Indica os feitos que cumpriría incluír nesta liña do tempo:

1982 ————————- 2007 —- 2011 — 2013 — 2015 – 2016 – 2017 — 2019

c) Extrae un feito biográfico do texto para cada unha destas etiquetas:

ESTUDOS – IDEOLOXÍA – MESTIZAXE (fusión) – REINTERPRETACIÓN (remake)