Realizarase unha análise inicial en gran grupo que se pechará e proxectará cara á creación dunha solicitude dentro de cada un dos grupos de traballo.
Duración aproximada.
Unha sesión e media.
Recursos e materiais.
- As claves da argumentación.
- Exemplos e trazos da solicitude.
Criterios de avaliación.
- Analiza os trazos dun artigo de opinión.
- Achega argumentos propios.
- Elabora unha solicitude coherente e argumentada.
ACTIVIDADE |
CONTIDOS para manexar |
PRODUCIÓN |
5. Opinión sobre os nomes das rúas e proposta para o Concello. |
O texto argumentativo. A solicitude.
|
Solicitude para enviar ao Concello. |
Reflexionemos, antes de darlles forma aos contidos, sobre o valor do noso proxecto.
Analizaremos, para iso, un artigo de opinión sobre os nomes das rúas e o seu coñecemento e aproveitaremos os argumentos ao respecto para elaborar unha proposta, con forma de solicitude, dirixida ao concello.
Lemos o artigo Urbes abertas á aprendizaxe e extraemos entre todos/as a súa tese (a idea que defende) e mais as distintas partes, recursos e argumentos. Despois haberá que clasificar estes últimos segundo o tipo (se é preciso, revisarase a tipoloxía no documento de apoio). Tanto a tese como os argumentos, enunciarémolos sen reproducir o texto.
Unha vez que temos organizadas as razóns do artigo, achegamos un par de argumentos (ou contraargumentos) novos e de distinto tipo que poderían enriquecer o texto.
Urbes abertas á aprendizaxe
Nas rúas e prazas das vilas ou cidades, a memoria colectiva non se mantén coa simple colocación de placas, esculturas e bustos adicados a veciños/as, figuras relevantes ou acontecementos históricos. Precísanse iniciativas que procuren que os espazos urbanos contribúan á memoria social, da cal todos somos parte activa.
Mesmo cando identificamos a persoa ou feito que dá nome ao sitio, que non pasa do 50% dos casos, estes sinais están baleiros de contido. Calquera enquisa neste tipo de rúas amosaría o amplo descoñecemento que existe entre veciñanza ou transeúntes.
E existen formas creativas e lúdicas de nomear e lembrar. Poñamos por caso, o emprego de títulos de obras: non presta vivir na ruela A sombra dos teus soños ou na avenida Os biosbardos e podermos ler fragmentos destas creacións inscritos nas paredes? Ou é posíbel contar, tal como acontece no Central Park de Nova York, coa presenza dos protagonistas de ficción, nese caso en homenaxe a Alicia no País das Marabillas, cos seus personaxes esparexidos polo parque convidando a sentarse con eles.
Tamén se inscribe nunha liña orixinal e efectiva unha das actividades do centenario de Celso Emilio Ferreiro neste 2012, a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro. Unha iniciativa que pretende informar sobre o autor de Celanova ás máis das persoas que viven nas rúas galegas que levan o seu nome a través da entrega dunha publicación nas caixas de correos. Esta, concibida a xeito de revista, percorre a través do texto e da imaxe as claves biográficas e literarias do autor, con rigor e amenidade. Ademais, co atractivo engadido da utilización de recursos como a fotonovela, a liña cronolóxica ou os pasatempos.
Daquela, o simple obxectivo de achegar información sobre quen ou que é o nome co que foi bautizada unha rúa supón un exercicio de desenvolvemento de cidadanía. Xustamente, cando os servizos culturais que ofrece a institución municipal van máis alá das propostas artísticas, museísticas e de espectáculo, intégrase o coñecemento e fortalécese a identidade e a autoestima veciñal.
En definitiva, trátase de que os responsábeis políticos entendan a importancia de establecer canles culturais nos contornos que todo o mundo partilla, tanto para a veciñanza como para os visitantes.
(Creado a partir dos blogues Brétemas e Caderno da crítica)
-
Análise do artigo de opinión
Tese do artigo Argumentos e tipo Argumentos novos que achega o grupo
O conxunto dos argumentos vannos servir para realizar unha solicitude ao concello para que colabore connosco no labor de achegar coñecemento sobre os e as literatas que dan nome ás rúas. Podemos facer unha petición real (que difunda o noso mapa desde a páxina web oficial, por exemplo), que logo será enviada, ou simulada, adoptando o papel dunha asociación de veciños, dunha entidade cultural, dunha axencia de viaxes…
Antes recolleremos as partes e características dese xénero textual dentro do formato da instancia a partir dos exemplos reais que se achegan. Cando xa teñamos claras estas cuestións, redactamos incluíndo algún argumento na parte expositiva.
-
SOLICITUDE
MÁIS ACTIVIDADES