Actividade 1: Cidades e ficción

Procedemento e modo de traballo.
En grupo, procuraranse os datos solicitados, trasladándoos logo ao caderno de cada membro. Aí tamén se recollerá, tras consensuala, a liña do tempo final.
Empregaranse a biblioteca e a rede para a resolución do xogo de pesquisa e rematarase a actividade na aula e, se for necesario, na casa.
Duración aproximada.
Unha sesión e media.
Recursos e materiais.
Esquema das etapas da literatura galega do s. XX.
Criterios de avaliación
- Infere, localiza e recolle datos (autoría, título, cidade) sobre os textos literarios.
- Sitúa no tempo os/as autores/as cos que se traballa.

Inicialmente, imos achegarnos á relación entre o ámbito urbano real e mais a literatura a través dun xogo de pesquisa. Trátase de extraer do contexto da lectura e de procurar en diferentes medios as cidades que aparecen en determinadas obras da literatura galega. Nalgúns casos tamén teremos que buscar o título da obra ou o/a autor/a seguindo as pistas que se dan.

Lede atentamente os fragmentos escollidos que aparecen a seguir e mais os datos que están ao seu pé para logo intentar cubrir o cadro seguinte. Podedes botar man da rede e mais de calquera material da biblioteca.

Cos autores e autoras desas obras de ambientación urbana e mais cos que dan nome a rúas da nosa vila realizaremos unha liña do tempo, tal como se explica máis adiante.

Hoffmann camiñaba de volta ao hotel. Camiñaba de vagar. Levaba consigo dúas das cámaras fotográficas coa esperanza de atopar algo que retratar. Non encontrou nada. Polo menos nada que non tivesen mostrado xa os xornais de todo o mundo naquel verán de 1991. (…)
Eran aqueles días nos que un podía atoparse cunha fila de kalashnikov ordenadamente apoiados contra a barra dun pub ou cunha rapaza lendo o xornal no tranvía vestida de limpísima camuflaxe e o fusil de asalto sobre os xeonllos. Todo era xa normal e a alarma aérea, ese lamento da fábrica da guerra, escoitábase con desidia, coma o laio dun pequeno.
Xa na rúa Mihanoviceva, Hoffmann pasou diante do Art Cafe, o fermoso edificio ocupado pola forza polos extremistas da HOS. Desde detrás dunha barricada, os milicianos fascistas axexaban a entrada da rúa cargados con brillantes crucifixos de prata e mirada de lobo. Diante deles, na Estación Central, os trens baleiraban cada media hora as remesas interminables de refuxiados: xentes de Zadar ou de Eslavonia que chegaban á capital naufragando entre paquetes mal atados e maletas cascadas de emigrante. Escapaban dos horrores dos chetniks e os federais. No medio da rúa, un pequeno grupo animado de nenos, mulleres e vellos, entre eles un garda nacional cun fusil ás costas, observaba unha grande mancha granate de sangue que se estendía como unha lingua sucia e enferma sobre o pavimento.
- Un snajper -díxolle o recepcionista do hotel cando Hoffmann lle pediu a chave do seu cuarto-. Foi pouco despois de vostede marchar. Pasaba por aí un garda nacional e zas!, un só disparo.
HOS: Milicia de extrema dereita… Chetniks: guerrilleiros… Snajper: francotirador.
(…)
MIGUEL ANXO MURADO
Volveu ler as palabras bíblicas e unha vez máis experimentou a sensación reconfortante dunha enerxía espiritual que pouco a pouco se ía apoderando da súa alma. Entón decatouse de que a conxestión desaparecía do seu rostro e que un frescor como chegado de fóra lle aliviaba a dor que sentía nas tempas. Deixara de chover e escoitábanse algunhas voces na rúa. Os borrachos, pechadas as últimas tabernas do veciño Canellón dos Perigos, protestaban sen convicción contra a autoridade mentres marchaban ás atoutiñas camiño da casa. (…)
Había tres días que subindo cara a San Martiño, de paso para o asilo, ao dobrar a esquina da Rúa de Arcedianos, Ilustrísima se atopara cun grupo de persoas facendo tertulia no medio e medio da calzada. Ao véreno, volvéronse todos para saudalo coas chisteras, acompañando o xesto cunha distinguida e marcada reverencia. O bispo devolvéralles o saúdo cun aceno da man que quixera ser afectuoso e cortés. Un dos contertulios era o director de El Liberal.
(…)
CARLOS CASARES: Ilustrísima
A confianza que puña o Bocas en todo canto falaba deume azos e botamos a andar baixando pola rúa dos Fornos. O ceo estaba limpo ea friaxe metíase na cana dos ósos, que xa se vía ben que estaba pra xiada. Ao cabo da rúa atopamos aberta a churrería da Parroquia, e o Milhomes, facéndonos adiantar uns pasos, botou a manta por enriba da testa e entrou. Voltou a pouco cun par de botellas de augardente do país. Dende o gonzo dunha porta, onde nos meteramos pra deixar paso a uns que cruzaban pola rúa da Estrela, vimos que algúns saían á porta da churrería e acenaban pra onde supuñan que tería collido o Milhomes. As cousas non andaban ben… Cando voltaron a entrar, apretamos o paso e metémonos pola rúa do Tecelán, que estaba moi escura, como se non tivese acendidos os faroles. Alí démoslle un bico á primeira botella, tan longo que a baleiramos. Boa falla nos facía, que eu, cunha cousa e outra, xa estaba pra esmorecer! Pois cando a min me vén este desalento non son home pra ren, e somentes me quero acochar onde ninguén me vexa nen me sinta e apretar os dentes e morder os cotenos até que me sangoentan, pois doer nin me doen…
(…)
(A cidade é Ourense, que ten unha ruta en homenaxe a esta obra clásica)
Frustrado por aquel primeiro fracaso, Daniel abandonou o edificio e botou a andar polos soportais da rúa Rosalís de Castro, sen saber ben a onde dirixirse. Todo o entusiasmo que sentira desaparecera de golpe, como se o camiño aberto pola foto rematase nunha parede de formigón. Torceu por Velázquez Moreno e subiu rúa arriba, ata chegar á altura da Casa do Libro. Parou un momento a contemplar as novidades expostas nos escaparates, aínda que case todas eran best sellers que non lle interesaban nada. Ao seu carón detívose unha señora maior que levaba canda ela un cocker de cor marrón. Daniel afastouse unha miga, pois o can axiña se puxo a cheirarlle o pantalón cunha teimosía desmedida. E foi ao baixar a vista cando se decatou de que, preto dos seus zapatos, había tirada outra foto de carné. Anicouse e colleuna, cunha súbita emoción. Cando a mirou, tivo que apoiarse na parede e respirar varias veces ata que conseguiu recuperar a calma necesaria para convencerse de que non era unha alucinación. Alí estaba Diana outra vez: alí a tiña, na palma da man, ollándoo co sorriso irónico que xa coñecía tan ben. A mesma foto e o mesmo nome, escrito con igual caligrafía pola parte de atrás.
(…)
A. FERNÁNDEZ PAZ: O único que queda é o amor
Naciches aquí, viviches aquí toda a túa vida, fuches á escola canda eles e mesmo xogaches ao criquet no seu mesmo equipo. Pero ti non es un deles. Ti non serás nunca un deles, a pesar de que es a segunda xeración da nosa familia que vive neste país. Sempre serás sospeitoso e terás que demostrar, non xa a túa culpabilidade, senón a túa inocencia. Sempre serás sospeitoso, sempre terás o lente de aumento atrás dos teus pasos. Tanto ten que ti axudaras a edificar esta cidade, este país tanto coma eles. Tanto ten que pagues os teus impostos ou fales inglés mellor ca ningún deles. Ti sempre serás o outro, o alleo, o que vén roubar un posto de traballo, aínda que sexa un fritido de samosa! Aínda que ti só poidas aspirar a aqueles traballos que eles nunca farían! E viaxarás no metro pola zona 3, pola zona 4, pola zona 5 e mirarante con indiferenza, pero cando a liña vermella atravese o arame invisible da city, daquela verante como unha ameaza. E serás sospeitoso na cola do British, nas campas de Hyde Park e nas bancadas de Picadilly. Sempre te ollarán con medo, como se ti non amases estas rúas, esta vida tanto coma eles. Como se ti non lles tiveses medo. Pero ti es só un paquistaní, Iqbal, a pesar de que o teu pasaporte te sinale como un cidadán europeo.
(…)
ROSA ANEIROS
Ao que por fin Doro dera acabado de marchar, Carlos, como aínda lle era cedo, decidira prescindir do coche e irse acercando tranquilamente, a pé, cara á súa casa.
Detivérase no Tío Galo para tomar, antes da cea, un aperitivo. Como non atopara con quen falar, pedira que lle servisen -para facer tempo e por se no entanto aparecía alguén- unha segunda copa.
Ao saír da cafetería, e en lugar de ir camiñando en dereitura cara ao propio domicilio, preferira andar aínda un pouco máis e aproveitar para dar un pequeno paseo por Santiago.
Total, qué présa tiña.
A súa segunda parada fixéraa no Zum-Zum.
Había bastante xente, pero ningunha coñecida entre todas as que ocupaban o local.
Á unha da madrugada, e medio mareado polo alcol, estaba tomando un whisky (invitación da casa) na Tacita de Juan.
De novo xa na rúa, non se dera conta de que viña de esquecer, no comedor do restaurante, a súa Samsonite. Un camareiro saíra correndo detrás del e entregáralla.
Ían ser as dúas da mañá cando Carlos acababa xusto de pasar por diante do Anexo-Vilas. Con consternación decatárase de que, a aquelas horas, xa o local estaba pechado.
Tivera que recoñecer entón o que, ata aquel momento, estivera tratando de ocultarse. Si, señor, Por que negalo? Buscaba a Lala. Si. Estábaa buscando.
(…)
ANXO REI BALLESTEROS

Cubride agora este cadro no caderno:

Texto

AUTOR/A

OBRA

CIDADE

Resolto grazas a

1

MIGUEL ANXO MURADO

2

CARLOS CASARES

Ilustrísima

3

Ourense

4

A. FERNÁNDEZ PAZ

O único que queda é o amor

5

ROSA ANEIROS

6

ANXO REI BALLESTEROS

Santiago de Compostela

Na segunda parte desta actividade, imos agora anotar entre toda a clase as escritoras e escritores que dan nome a rúas da nosa vila. Se é necesario, o profesor axudará a completar esa lista. Cada integrante do grupo porá entón no caderno:

Rúas con nomes de escritores/as

O meu grupo escolle

Por último, con todos os nomes dos/as autores/as dos textos da pesquisa inicial e mais cos presentes nas rúas realizamos unha sinxela liña do tempo, sinalando a xeración e marcando a data de publicación dunha das súas obras fundamentais. Para iso, botade man da síntese esquemática fornecida. Velaquí un modelo cun exemplo:

Aquí a actividade en pdf.

MÁIS ACTIVIDADES