Elaboración da suxestión (ou da reclamación)

Rematamos a segunda tarefa coa creación individual do texto de demanda segundo as indicacións desta guía. Antes de entregalo (consulta o calendario), revísao tendo en conta cando menos estes indicadores:

  • Identifícanse axeitadamente o destinatario e mais o emisor?
  • Séguese a estrutura típica do xénero, incluíndo os diversos elementos?
  • A estrutura discursiva encarréirase con claridade a través dos (tres ou catro) parágrafos?
  • Séguese a orde indutiva? Aparecen marcadores textuais de causa-consecuencia e/ou conclusivos?
  • Hai exposición de motivos no inicio do corpo? Inclúe ideas e datos contrastábeis?
  • A tese aparece ligada á demanda?
  • Hai presenza de argumentos baseados na lexislación e de estratexias para persuadir e convencer?
  • Cúmprense as regras de coherencia e queda perfectamente claro o obxectivo do escrito?
  • Empregouse un rexistro formal?
  • A expresión é correcta?

Velaquí un modelo sinxeliño (adaptado dun exemplo real) cun tema distinto:

Dirección da Canle Z

É estupendo que haxa espazos televisivos nos que os cidadáns e cidadás poidamos participar de forma ordenada, tendo a oportunidade de contar coa presenza de persoas formadas nos temas que se traten. Se, ademais, se realizan intercambios de opinións, como ocorre no programa X da súa cadea, foméntase a reflexión, a crítica e a participación nos problemas sociais. Agora ben, bótase en falta que este tipo de programas teña uns horarios acordes coa difusión que precisan.

Por suposto, tal como recolle a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual no artigo 10.1, as cadeas teñen plena liberdade para determinar cando se emiten os contidos adecuados para todos os públicos. Mais, tamén é certo que a audiencia é determinante e os notables índices das experiencias de debates na franxa horaria do inicio do prime time indican unha demanda que, no contexto actual, aínda debe ser maior.

Polo tanto, aínda que son consciente das dificultades para modificar a grella da programación, convídoos a considerar cando menos a opción de repetir os debates outro día a unha hora menos intempestiva. Non todo o mundo pode estar esperto ata altas horas ou acceder logo a internet. Así mesmo, conviña que estes espazos tivesen unha versión cun formato que permita achegarse aos adolescentes.

Agardo que esta proposta sexa de interese e que poidamos ver tod@s máis e mellores debates. Saúdos.

R. X. T.

,

2 Respostas en “Elaboración da suxestión (ou da reclamación)”

  1. Noelia Olveira Marzo 10, 2013 en 9:09 p.m. # Responder

    Xano , estou a tempo de facer a actividades que non fixen? ou xa non me serve de nada?

  2. Xano Marzo 10, 2013 en 10:48 p.m. # Responder

    Ola, Noelia.Cada cousa no seu tempo. Agora céntrate en realizar -ben- as actuais do proxecto, onde mesmo hai algunha voluntaria, e as da lectura do trimestre.

Deixa unha resposta